Nova
Fabiola García comprométese con Faxpg a seguir traballando para garantir a plena inclusión das persoas con discapacidade auditiva
A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que a Xunta de Galicia destinou a esta entidade máis de 1.5M€ no último ano para impulsar iniciativas destinadas ás persoas xordas
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse coa presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), María Alonso, para avaliar novas vías de colaboración que permitan seguir mellorando a inclusión das persoas con discapacidade auditiva en Galicia.
Fabiola García agradeceu o labor que desenvolve esta entidade na nosa comunidade, contribuíndo ao benestar das persoas xordas e asesorando as súas familias. Neste sentido, destacou que ao longo dos 45 anos de traxectoria da entidade acadáronse numerosos fitos que permitiron impulsar a integración das persoas con discapacidade auditiva na vida pública mellorando a súa accesibilidade a través da promoción e difusión da lingua de signos.
A conselleira fixo fincapé tamén na estreita colaboración entre o Executivo galego e esta entidade, fundamental, dixo, para seguir avanzando nas necesidades das persoas xordas. Deste xeito, lembrou que a Xunta destinou a Faxpg, só no último ano, máis de 1,5 M€ para o impulso de programas e iniciativas destinadas ás persoas con discapacidade auditiva, ao tempo que sinalou que sempre terán a man do Goberno galego tendida para seguir traballando nunha Galicia máis inclusiva e integradora.