Nova

A Xunta financia con 180.000 euros a adquisición dun inmoble no Concello de Teo onde se construirá o primeiro centro de día municipal

Fabiola García destaca o importante papel que xoga a coordinación entre as distintas administracións para garantir os mellores servizos á veciñanza


Teo (A Coruña), 5 de xuño de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, visitou esta mañá o inmoble no que se instalará o futuro centro de día do municipio. A Xunta financiou con 180.000 euros a adquisición deste local situado en Cacheiras, que será acondicionado para prestar o servizo de atención diúrna.

Durante o acto, Fabiola García destacou que a colaboración da Xunta de Galicia e o Concello permitirá reforzar os servizos destinados á atención das persoas maiores no municipio, dotándoo do seu primeiro centro de día. Neste sentido, salientou o importante papel da coordinación entre as distintas administracións para garantir os mellores servizos á veciñanza.

Ademais, a conselleira lembrou o compromiso do Goberno galego co benestar das veciñas e veciños deste municipio, sexan maiores ou pequenos, e puxo en valor os centros de atención diúrna como un servizo que permite garantir o benestar e o coidado das persoas maiores ao tempo que seguen vivindo nas súas casas.