Nova
A Xunta felicita á asociación O Castro de Baión por crear espazos de diálogo que permitan visibilizar as necesidades das persoas con discapacidade
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 4 de xuño de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá no I Encontro de persoas con discapacidade, organizado pola Asociación Cultural O Castro de Baión. Alí, enxalzou o labor desta asociación e trasladou os parabéns da Xunta de Galicia por esta iniciativa que permite crear un espazo de diálogo que fomenta a participación e dá visibilidade ás persoas con discapacidade.
Este primeiro encontro, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia, busca intercambiar experiencias sobre a atención ás persoas con discapacidade e as súas necesidades. Deste xeito, a través de relatorios e debates expuxéronse tamén cuestións relativas aos recursos e servizos específicos de coidado. Os participantes tamén puideron coñecer as actividades que desenvolven diferentes asociacións que traballan neste eido e desfrutar de actividades de lecer.
Begoña Abeijón trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para seguir traballando da man das entidades sociais co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.. Neste sentido, reafirmou o compromiso do Executivo galego para seguir colaborando con esta entidade, a quen leva destinados nos últimos anos 143.953€ euros a través das axudas do 0.7% IRPF.