Nova
A Xunta agradece o compromiso dos axentes sociais para impulsar medidas con perspectiva nos máis novos
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica destacou a importancia de fomentar a participación dos nenos e adolescentes na vida pública
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na inauguración das VI Xornadas formativas Cidades Amigas da Infancia que organiza Unicef. Durante a súa intervención agradeceu o compromiso dos axentes sociais participantes neste encontro por impulsar medidas con perspectiva na poboación máis nova.
Este encontro busca implicar aos profesionais das Administracións locais na gobernanza transversal que contemple as necesidades e demandas dos nenos e adolescentes como unha parte activa da sociedade. Neste senso, Jacobo Rey sinalou que estas xornadas fomentan o intercambio de experiencias entre as diferentes administracións e permite crear novas redes de apoio.
Ademais, o director xeral lembrou que a Xunta de Galicia colabora con diferentes entidades e organismos sociais para fomentar a participación dos nenos e adolescentes na vida pública. Así, fixo referencia ao Consello da Adolescencia e Infancia na que os máis novos trasladan as súas propostas aos representantes do Executivo galego.