Nova
A Xunta lembra que as familias xa poden solicitar as achegas económicas para coidadores do programa Respiro Familiar
A través desta convocatoria fináncianse estadías temporais en residencias ou a contratación de servizos puntuais en centros de día ou a atención dun coidador no propio domicilio
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia lembra que está aberto o prazo para que as familias coidadoras que o desexen podan solicitar as achegas económicas correspondentes ao programa Respiro Familiar. A través desta nova convocatoria que está aberta ata o 15 de outubro, as persoas coidadoras habituais poderán acceder a prestacións para a contratación dun servizo a domicilio ou para estadías temporais en residencias ou centros de día, co obxectivo de facilitar o seu descanso e conciliación.
O programa Respiro Familiar ofrece axudas de 1500 euros para estadías temporais en residencias ou de 1000 euros para contratar os servizos puntuais en centros de día ou a atención dun coidador no propio domicilio. O Goberno galego destina a esta iniciativa un orzamento inicial de 1,1M€ para as tres modalidades que se contemplan na iniciativa e que na anterior convocatoria do 2024 beneficiou a 982 persoas, atendendo todas as solicitudes rexistradas.
Este programa forma parte das medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para facilitar que as persoas con dependencia ou discapacidade e as súas familias teñan máis facilidades para decidir onde vivir esta etapa das súas vidas, poñendo os recursos necesarios a súa disposición.