Nova
A Xunta enxalza o papel das casas do maior na atención personalizada e gratuíta aos maiores do rural
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria lembrou que o Executivo galego acaba de anunciar unha nova convocatoria dun millón de euros para a creación de 20 novos recursos destas características
Riós (Ourense), 3 de maio de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado da alcaldesa de Riós, Eva Barrio, visitou esta mañá a casa do maior A nosa xente situada neste concello ourensán. Alí, enxalzou o papel que desenvolven as casas do maior na atención personalizada e gratuíta aos maiores dos concellos rurais galegos.
Neste sentido, lembrou que as casas do maior son unha iniciativa que naceu no 2018 para dotar aos municipios con menos poboación de servizos específicos para a atención diúrna das persoas maiores. Deste xeito, cada unha destas casas conta con cinco prazas públicas que poden desfrutar os maiores da contorna de xeito totalmente gratuíto. Ademais, nalgunhas delas ofrécese un servizo de comedor e de transporte.
Antón Acevedo fixo fincapé en que as casas do maior son un punto de encontro para moitos maiores e na que poden desenvolver actividades que fomentan o envellecemento activo e garanten o seu coidado. Así, recalcou que se trata dun servizo fundamental tamén para a conciliación familiar e para favorecer a dinamización demográfica.
Durante a súa visita, o director xeral lembrou que este luns o Consello da Xunta deu luz verde a unha nova convocatoria dun millón de euros para crear 20 novas casas do maior en Galicia. O obxectivo, dixo, é que ao longo deste ano se chegue a 162 recursos destas características en funcionamento e que sumarían 800 prazas totalmente públicas na rede de casas do maior.