Nova

Belén do Campo avanza coa Liga Reumatolóxica en liñas de colaboración co Goberno galego


A Coruña, 29 de maio de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da Liga Reumatolóxica Galega (LRG), que preside Ana Isabel Vázquez, para avanzar en liñas de colaboración co Goberno galego.

No encontro a delegada repasou os distintos apoios que recibe esta entidade a través da Consellería de Sanidade, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, da Consellería da de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Política Social e Igualdade e recolleu as súas propostas para seguir avanzando na prestación de servizos de atención psicolóxica, terapéutica e de logopeda.

Na reunión as representantes de LRG mostraron o seu interese pola orde de axudas da Xunta no eido da saúde mental e trasladáronlle á delegada o seu interese de presentarse a convocatoria pública para renovar a concesión do seu espazo na zona reservada ás entidades sociais no Amizar. O prazo para solicitar esta orde remata o 13 de xuño.

A LRG é unha entidade que ten entre as súas finalidades a sensibilización acerca da importancia das enfermidades reumáticas para favorecer a investigación sobre as súas causas e sobre novos tratamentos para combatelas.

A LRG é membro da Comisión asesora de Pacientes da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, así como membro vocal da Comisión da Dor da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Pertence tamén a LIRE (Liga Reumatolóxica Española) e á Rede Nacional de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple.