Nova

A Xunta aposta por un modelo máis sostible no que se teñan en conta os intereses e os dereitos dos consumidores máis vulnerables

O director xeral de Violencia de Xénero, Roberto Barba, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participaron no II Congreso Internacional de Consumo, organizado por UCGAL


Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destacou esta mañá que a desigualdade no consumo reflicte outras formas de exclusión social, polo que apostou por impulsar un modelo máis sostible no que se teña en conta ás persoas máis vulnerables. Así o dixo na súa participación no II Congreso Internacional de Consumo, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e que conta co patrocinio da Xunta.

Roberto Barba incidiu en que a Xunta aposta por “axudar a construír unha sociedade xusta, na que ninguén queda fóra do esencial”. Neste sentido, lembrou que, en moitas ocasións, as persoas en situación de pobreza, os maiores, as vítimas de violencia de xénero, as familias migrantes ou persoas con discapacidade non poden participar plenamente desa sociedade de consumo.

Por iso, explicou que o compromiso de todas as institucións debe ser “reducir as  posibles brechas, fortalecer a equidade e asegurar que ningunha persoa quede á marxe do exercicio pleno dos seus dereitos como consumidor e como cidadán”.

A clausura correu da man do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, quen felicitou á Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) pola organización do congreso e polo seu traballo diario na defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, especialmente daqueles máis vulnerables. Neste senso, resaltou o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que nos seus 30 anos de andaina acumula un balance global de case un millón de consultas rexistradas e preto de 500.000 reclamacións atendidas.

Nesta liña, Alén puxo en valor o papel do Laboratorio Galego de Consumo como líder estatal no control e comunicación de alertas de produtos, o que contribúe a facer máis seguro o mercado, subliñando que Galicia é a única comunidade autónoma de España con laboratorio de consumo propio acreditado pola ENAC —que avalía a competencia técnica para a certificación e inspección—, consolidándose deste xeito como referente nacional na blindaxe dos dereitos dos consumidores para potenciar o comercio local.