Nova
Fabiola García denuncia que o goberno central deixará a Galicia sen financiamento para a atención integral de menores migrantes non acompañados
A Xunta critica a falta de planificación por parte do Executivo central para o traslado destes menores, sen concretar nin a cifra de acollementos nin as datas previstas
Galicia, xunto coa ampla maioría de Comunidades Autónomas, rexeitou a proposta do Ministerio de Xuventude e Infancia que estipulaba unha capacidade ordinaria de acollida para cada territorio irreal
Madrid, 28 de maio de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denuncia que o Goberno central acaba de confirmar que a nosa comunidade non recibirá “nin un só euro” para financiar a atención integral dos menores migrantes non acompañados que prevé trasladar a Galicia. Na Conferencia Sectorial celebrada esta mañá en Madrid, o Ministerio de Xuventude e Infancia non respondeu a ningunha das demandas de Galicia, que pedía planificación e financiamento para garantir a sostibilidade do sistema galego de protección da infancia.
Neste encontro, no que participou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, o Goberno central non confirmou nin a cifra de menores que debería acoller Galicia nin a previsión de datas para a realización dos posibles traslados. Con todo, o Ministerio si ratificou que Galicia é unha das comunidades que non vai recibir ningunha achega estatal para asumir o custo da acollida dos menores.
A conselleira insiste en que “Galicia segue sen saber o número de menores migrantes non acompañados que o Goberno central pretende achegar á comunidade” e lembra que a única información sobre isto foi coñecida a través de medios de comunicación. Deste xeito, sinala que o único obxectivo do Executivo nacional é “seguir enleando sen concretar as cifras oficiais e filtrando datos erróneos”.
Fabiola García tamén sinala que Galicia, xunto coa ampla maioría de Comunidades Autónomas, rexeitou esta mañá a proposta do Goberno central na que se estipula a capacidade ordinaria de cada territorio para a acollida de menores migrantes non acompañados. Deste xeito, sinalou que “Galicia está ante un novo agravio por parte do Executivo de Pedro Sánchez, que non ten en conta as necesidades do sistema de protección de Galicia nin a súa realidade”.
Ademais, a conselleira tamén fai fincapé en que nesta Conferencia Sectorial, a maioría das Comunidades Autónomas se amosaron desconformes coa proposta do Ministerio ao considerar que o plantexamento, que recibiron minutos antes da reunión, incluía erros e non se acollía á realidade do sistema de protección.
Ademais, Fabiola García criticou que o Goberno central queira agora que as Administración autonómicas propoñan novos criterios de reparto, unha vez que estes xa foron fixados nun Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros e convalidado polo Congreso dos Deputados. A Xunta considera que esta posibilidade que abre agora o Ministerio non ten lóxica e o único obxectivo que ten é disfrazar a súa imposición unilateral e falta de colaboración interinstitucional.