Nova
A Xunta destaca o traballo de Aspaber para mellorar o día a día das persoas con discapacidade intelectual
Carballo (A Coruña), 27 de maio de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá aos usuarios de Aspaber para avaliar as súas demandas e necesidades. No encontro coñeceu o traballo que realizan nos diferentes centros da entidade e que son fundamentais para mellorar o día a día das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.
Neste senso, Begoña Abeijón trasladou o compromiso da Xunta para seguir apoiando e colaborando coas iniciativas desta entidade, que conta cun centro de día, outro residencial e un ocupacional. Así, lembrou que o Executivo autonómico financia 137 prazas nestes recursos que contan cun apoio económico de 1,77 millóns de euros. Ademais, este ano recibiron 100.000 euros en achegas do IRPF para mellorar o equipamento e as instalación da entidade.