Nova

Fabiola García agradece aos establecementos adheridos ao Carné +65 o seu apoio a esta iniciativa

Fabiola García fixo entrega ao Hotel Torre de Núñez do distintivo que o acredita como adherido a este carné e grazas ao que ofrecerá un 10% de desconto


Lugo, 24 de maio de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá un establecemento hoteleiro adherido ao Carné+65, unha iniciativa da Xunta para ofrecer facilidades aos maiores galegos que inclúe descontos e acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios. No acto, fixo entrega a Ana María Núñez, directora da División Hosteleira do Grupo Alimentario Torre de Núñez, do distintivo deseñado pola Xunta para acreditar aos establecementos que se atopan adheridos a esta iniciativa.

O Carné+65, que é 100% gratuíto, abrangue 700 establecementos espallados por toda a xeografía galega, se ben a previsión é que esta cifra podería ampliarse ata os 1.000 ao longo deste ano. Nestes momentos, xa son máis de 600.000 persoas as que contan coa tarxeta e poden desfrutar dos beneficios incluídos.

Entre as posibilidades que ofrece o carné atópanse descontos directos de ata o 30%,  beneficios especiais en numerosas actividades e vantaxes nunha ampla variedade de servizos e establecementos turísticos, comerciais e de ocio de Galicia. Neste caso en concreto, o Hotel Torre de Núñez fará un 10% de desconto aos usuarios do carné.

A esta visita tamén asistiron o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Elena Candia.

Toda esta información está recollida na páxina web da iniciativa, na que os beneficiarios poden consultar toda a relación de establecementos onde poden desfrutar das vantaxes que lles ofrece o carné.