Nova

Comezan as obras da nova residencia de maiores municipal de Laza financiadas na maior parte pola Xunta

Destínanse 1,2 millóns de euros á construción deste equipamento, que tamén conta co apoio económico da Deputación Provincial de Ourense

Esta actuación forma parte do Plan de investimentos que está a facer o Executivo autonómico para reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores


Laza (Ourense), 23 de maio de 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a parcela onde xa están en marcha os traballos de construción da nova residencia de maiores do concello, cuxo custo asume maioritariamente a Xunta. O Goberno galego destina 1,2 millóns de euros a esta actuación, que tamén conta co apoio económico da Deputación Provincial de Ourense.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, José Ramón Barreal, explicou que este novo centro residencial é un da vintena de proxectos que o Goberno galego financia a cargo do Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos de servizos sociais que dependen dos concellos. Este Plan contempla un investimento de 18,5 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR).

Ao respecto, o xerente do Consorcio sinalou que este Plan, acordado cos propios concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), suporá un reforzo sen precedentes da rede de recursos de proximidade para as persoas maiores: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociocomunitarios. En total, permitirá a creación de 650 novas prazas públicas, tanto de atención residencial como diúrna, en localidades máis rurais e de menor poboación.

Creación de 24 prazas públicas

A nova residencia de maiores de Laza terá unha capacidade de 24 prazas e a súa titularidade e xestión dependerá do concello, que tamén se ocupa da execución das obras. O proxecto de obra que se está a desenvolver contempla unha edificación de planta baixa con tres áreas diferenciadas: a de acceso, a de dirección—administración e a residencial, que inclúe as habitacións e zonas de convivencia. Ademais, resérvanse espazos para servizos xerais (lavandería ou cociña, entre outros) e para atención especializada (despacho médico, sala de curas e enfermaría).