Nova

A Xunta pon en valor en Celanova a acción coordinada entre as diferentes administracións e axentes sociais para combater a violencia de xénero

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero destacou a importancia de seguir traballando tanto na prevención e sensibilización como na atención e seguimento dos casos

Esta foi a primeira mesa que contou coa colaboración dunha entidade social específica para a creación de protocolos e que busca dinamizar a participación


Celanova (Ourense), 21 de maio de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na mesa local de coordinación interinstitucional sobre violencia de xénero da Mancomunidade Terras de Celanova. Este encontro busca reunir ás diferentes administracións e axentes sociais para enfocar diferentes accións de loita e prevención das condutas machistas.

Durante o encontro, o director xeral destacou a importancia de manter unha coordinación constante entre as administracións públicas para loitar contra a violencia de xénero en todos os ámbitos sociais. Polo que fixo fincapé na importancia de traballar tanto na prevención e sensibilización como na atención e seguimento dos casos.

Roberto Barba tamén sinalou que esta foi a primeira mesa local que contou a colaboración dunha entidade específica para a creación de protocolos e que pretende mellorar as dinámicas de participación, co obxectivo de garantir unha acción coordinada entre todos os axentes sociais.

Ademais, puxo en valor o papel que desenvolven os Centros de Información á Muller (CIMS) na prevención e sensibilización contra esta lacra. Así, lembrou que hai 84 recursos destas características en Galicia e que dan servizo a preto de 200 concellos, un traballo que se coordina co resto de servizos sociais e forzas de seguridade do Estado que teñen un papel fundamental na loita contra a violencia de xénero cada día en todos os recunchos de Galicia.

Ademais, Roberto Barba lembrou que coa normativa galega vixente calquera muller que sufra violencia sexual é considerada unha vítima de violencia de xénero. Deste xeito, recalcou que serán beneficiadas de todas as prestacións económicas, asistenciais e psicolóxicas, entre outras, que garante o Executivo galego.

Nesta ocasión, o director xeral quixo poñer o foco no acontecido no día de onte no Barco de Valdeorras e que, a falta de confirmación oficial, apunta a un novo caso de violencia machista. Por iso, trasladou o seu apoio e o de todo o Executivo galego á vítima e aos seus achegados.