Nova

A Xunta destaca que se están mantendo reunións e negociacións co persoal da residencia de maiores pública autonómica de Caranza

A conselleira sinala que se estableceu un plan de acción e que se están recollendo suxestións dos traballadores do centro


Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia sobre a residencia de maiores pública autonómica de Caranza, Ferrol. Na súa intervención, incidiu en que tanto a Xunta como o persoal vela polo benestar dos usuarios do centro, no que se cumpre estritamente a ratio de persoal e se dá cobertura a todas as necesidades de que se presentan no día a día.

Sobre o funcionamento da residencia, Fabiola García destacou que a Xunta está levando a cabo reunións periódicas co comité de empresa e que, neste marco, realizouse un estudo de riscos psicosociais do que derivou un plan de acción, con medidas que se irán implantando de xeito progresivo. Ademais, estanse recollendo suxestións dos empregados e adquiriuse cos representantes dos traballadores o compromiso de colaborar de xeito conxunto para reconducir a situación.

Por último, Fabiola García lembrou que neste ano 2025 a Xunta conta co maior orzamento da historia destinado ás persoas con dependencia, un total de 728M€.