Nova
A Xunta reforza o seu compromiso con Proxecto Home Galicia para seguir impulsando o programa Acougo
O director xeral de Inclusión Social sinalou que o Executivo galego vai destinar preto de 154.000 euros para financiar nove prazas nesta iniciativa
Ademais, Arturo Parrado lembrou que a Fundación Monte do Gozo tamén recibiu máis de 191.000 euros en achegas procedentes do IRPF
Vigo, 21 de maio de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiron hoxe á presentación na cidade Olívica dunha nova edición do programa Acougo, que forma parte de Proxecto Home Galicia e que desenvolve a Fundación Monte do Gozo. Alí, destacaron o compromiso da Xunta de Galicia, un ano máis, con esta entidade para impulsar a inserción sociolaboral das persoas con adicións.
Durante este acto, o director xeral sinalou que o Executivo galego vai destinar, a través dun convenio nominativo, preto de 154.000 euros para a financiación de nove prazas no programa Acougo, que está centrado na reinserción social das persoas con patoloxía dual. Esta iniciativa presenta un modelo centrado na atención persoal, na participación en seminarios grupais e no fomento da actividade física.
Ademais, Arturo Parrado lembrou que a Fundación Monte do Gozo, encargada de xestionar o programa Acougo, recibiu máis de 191.300 euros en achegas procedentes do IRPF para reformar o centro no que se desenvolve esta iniciativa e para a posta en marcha doutro programa específico orientado á reinserción laboral dos usuarios.
Colaboración coa Fundación Centro Galego de Solidariedade
Arturo Parrado enxalzou o labor que se desenvolve no Proxecto Home e que permite as persoas con adicións ter as ferramentas necesarias para comezar unha nova vida. Ademais, colaboran con outras entidades para poñer en marcha iniciativas conxuntas que permitan facer de Galicia unha comunidade máis solidaria. Neste senso, desenvolven un programa orientado á inserción laboral no ámbito agrogandeiro e que conta coa participación da Fundación Centro Galego de Solidariedade, que a súa vez recibe unha achega de 25.500 euros para a súa financiación.