Nova
Fabiola García destaca que Galicia reforzará a atención residencial a maiores co impulso de 24 novas residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes
A conselleira reitera ao Goberno central que aborde o financiamento estrutural do sistema de atención á dependencia e cumpra co 50% do financiamento
Madrid, 20 de maio de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na xornada ‘Necesidades e retos da atención residencial de persoas maiores’, organizada por Garrigues. Na súa intervención, destacou que o Goberno galego segue avanzando na atención ás persoas maiores e, tal e como anunciou o Presidente Rueda no Debate de Política Xeral, ten previsto construír 24 novas residencias públicas, o que permitirá habilitar 1.800 prazas en concellos de menos de 50.000 habitantes.
A conselleira participou nunha mesa de diálogo sobre o futuro da atención á dependencia e a colaboración público-privada na que tamén interviñeron representantes dos gobernos autonómicos de Asturias, Castela A Mancha e a Comunidade Valenciana. No coloquio, Fabiola García puxo en valor que Galicia conta actualmente con máis de 16.000 prazas residenciais públicas, o triplo que en 2009 e que segue aumentando esta cifra cos sete centros que constrúe e equipa a Fundación Amancio Ortega, que suman 900 prazas, coas 500 prazas de atención residencial incluídas no Plan de investimentos en centros municipais e coas 1.800 prazas das novas 24 residencias que vai impulsar en toda Galicia.
Fabiola García tamén destacou os avances na mellora da atención nos centros residenciais que supón o novo modelo de coidados implantado na rede autonómica. Neste sentido, lembrou que Galicia foi pioneira no desenvolvemento dun sistema de coidados que ten como piares fundamentais a atención personalizada, a mellora dos equipamentos, o uso das novas tecnoloxías e a formación continua dos profesionais. A finalidade é que os maiores que se aloxan en residencias se sintan como nos seus fogares e dispoñan dos mellores medios e sistemas para ter unha atención da máxima calidade.
Por último, a conselleira volveu insistir na necesidade de que o Goberno central cumpra o disposto na Lei de Dependencia e asuma ao 50% o financiamento dos servizos, algo que en Galicia non acontece, xa que, por exemplo, no 2023 achegou un 40% mentres que no 2024 limitouse a aportar un 34,9%.