Nova
A Xunta pon en valor o papel das mulleres na transmisión da poesía popular oral galega entre o alumnado máis novo
A directora xeral de Promoción da Igualdade destacou que é fundamental que as xeracións máis novas coñezan o papel das mulleres en todos os ámbitos sociais e a súa contribución á historia galega
Malpica de Bergantiños (A Coruña), 19 de maio de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, presentou esta mañá ao alumnado do CRA Nosa Señora do Faro a actividade Cantareiras nas Letras que busca dar a coñecer o papel das mulleres homenaxeadas este ano nas Letras Galegas. Alí, puxo en valor o papel das mulleres na transmisión da poesía popular oral galega e tamén destacou a importancia de que as nenas e nenos galegos coñezan referentes femininos claves na cultura galega, como é o caso das cantareiras.
Esta actividade, que forma parte do Plan Proxecta Aprende coas Mulleres Galegas e que conta tamén cunha unidade didáctica e que está percorrendo os centros educativos da Comunidade nos próximos meses. En concreto, esta mañá a actividade celebrouse no centro situado na parroquia de Mens en Malpica, lugar do que eran orixinarias algunhas das cantareiras homenaxeadas esta fin de semana polo día das Letras Galegas e que foron clave na transmisión da nosa cultura oral.
Nestes sentido, Quintiana salientou a importancia de amosar ao alumnado como as homenaxeadas coas Letras Galegas deste ano foron as encargadas da produción e preservación de gran parte da nosa poesía oral e tradición popular.
A directora xeral destacou que é fundamental que as xeracións máis novas conecten co patrimonio cultural galego e tamén coñezan o valor das mulleres en todos os ámbitos sociais e a súa contribución á historia de Galicia. Por iso, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir impulsando iniciativas para que as mulleres sigan gañando espazos.