Nova
A Xunta e Alar Galicia fomentan a inclusión sociolaboral das persoas participantes no programa ‘Mellora +’
A Delegación Territorial acolleu a entrega de diplomas a doce usuarios que completaron un curso de capacitación para potenciar as súas saídas laborais
Lugo, 19 de maio de 2025
A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a entrega de diplomas aos participantes no curso de carretilleiro que vén de finalizar e que se impartiu no marco do proxecto Mellora +, un dos plans de inclusión sociolaboral promovidos por Alar Galicia co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade.
Neste caso, doce usuarios completaron con éxito o curso de manexo de carretillas que lles facilitará o acceso a un posto de traballo relacionado con esta función. O delegado territorial, Javier Arias, e o director da entidade, Fernando González Truque, participaron na entrega dos certificados de profesionalidade.
O programa Mellora + ofrece diferentes accións de formación e capacitación a persoas en situación especialmente vulnerable co obxectivo de potenciar a súa integración sociolaboral. Para cada participante realízase un itinerario personalizado de inclusión.
O delegado territorial lembrou que a Xunta achega 200.000 euros a Alar Galicia a través da convocatoria de axudas a entidades sociais para desenvolver os programas Mellora, Mellora + e Mediación social e/ou intercultural, todos eles no eido da inclusión. Ademais, mediante a orde de axudas do IRPF destina 38.000 euros á iniciativa Coaching menores, que proporciona reforzo socioeducativo a menores en risco de exclusión.
Arias destacou a importancia de que “as administracións e as entidades sociais traballen de forma coordinada para mellorar a situación dos colectivos que máis o precisan”, polo que o Goberno galego “seguirá reforzando as vías de colaboración”.