Nova
Fabiola García pon en valor a IV Feira gastronómica sen glute como un referente da oferta alimenticia variable e segura
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiu hoxe á IV Feira gastronómica sen glute que organiza a Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) no Hotel Oca Porta do Camiño. Na visita, puxo en valor esta exposición que xa é un referente na oferta gastronómica para as persoas celíacas e na que diferentes establecementos expoñen os seus produtos, así como a súa degustación.
Fabiola García destacou a importancia do traballo que realiza esta entidade para que as persoas celíacas teñan acceso a produtos adecuados ás súas necesidades. Neste sentido, trasladoulle o compromiso da Xunta de Galicia para seguir colaborando da man do tecido asociativo para garantir unha ampla oferta gastronómica para as persoas celíacas.
Ademais, lembrou que a Xunta de Galicia e Acega asinaron este mesmo ano un novo convenio de colaboración para seguir promovendo un comercio adaptado ás necesidades das persoas celíacas. Ao respecto destacou o programa A restauración galega sen glute que conta coa colaboración de máis de 300 comercios e no que o Executivo galego investiu máis de 200.000 euros desde o 2020.