Nova

A Xunta financia con 21.000 € as obras de mellora do seu centro de día en Oímbra

Ademais, asinará un convenio de colaboración para destinar 13.100 euros á adquisición dun elevador para cubrir as necesidades das persoas con mobilidade reducida que fan uso da piscina municipal


Oímbra (Ourense), 16 de maio de 2025

A Xunta de Galicia vai financiar con 20.900 euros as obras de mellora do seu centro de día en Oímbra. Así o acordaron esta mañá o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa deste municipio, Ana Villarino, que asinaron un novo convenio de colaboración para que a Administración local execute as obras.

As actuacións que se van realizar permitirán remodelar os teitos dos andares inferiores e cambiar as baixantes e os caleiros exteriores para mellorar a recollida da auga. Tamén se pintarán as paredes das zonas principais e renovaranse os estores, co obxectivo de facer os espazos máis confortables. Ademais, esta achega económica permitirá adquirir novas cadeiras e televisores.

Durante o ano pasado a Xunta de Galicia xa financiou con máis de 22.000 euros outras obras de mellora deste centro e que permitiron cambiar a cuberta exterior e cambiar a varanda do perímetro. Deste xeito, Perfecto Rodríguez sinalou que estes convenios son unha mostra máis do compromiso do Executivo galego co benestar dos maiores.

Accesibilidade da piscina municipal

Ademais, o xerente do Consorcio avanzou que a Xunta vai asinar outro convenio de colaboración co concello de Oímbra para sufragar con 13.100 euros o custo da adquisición dun elevador para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida á piscina municipal. Con este novo aparello refórzase a accesibilidade das persoas con discapacidade e dependentes aos servizos públicos.