Nova
A Xunta destina este ano 500.000 euros ao novo centro 24 horas de atención ás vítimas de violencia de xénero aberto no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, visitou as instalacións acompañada polo xerente da área sanitaria e o subdelegado do Goberno en Pontevedra
Destaca o esforzo do Goberno galego para poñer en marcha cinco centros antes da data establecida “pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades”
Vigo, 16 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o centro de crise para vítimas de violencia sexual do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que abriu o pasado mes de decembro as súas portas e ao que o Goberno galego destina 500.000 euros en 2025. Este é un dos cinco puntos de atención especializada cos que xa conta Galicia, que están plenamente operativos e que prestan atención presencial e telefónica as 24 horas do día.
Na visita, a representante autonómica estivo acompañada polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e polo subdelegado do Goberno, Abel Losada. Tras o percorrido polas instalacións, a delegada fixo fincapé en que “unha vez máis, Galicia cumpre e fai os deberes” ao conseguir poñer en marcha os centros de crise dentro do prazo establecido, “pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades”.
Ana Ortiz lembrou que a Xunta de Galicia inviste 11M€ en poñer en marcha e garantir o funcionamento destes cinco centros, un máis dos que esixe Europa, e para poder ofrecer atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas do día e todos os días do ano. Neste sentido, subliñou que os puntos de atención especializada dispoñen dun completo equipo profesional de carácter multidisciplinar, que integra persoal administrativo, traballadores sociais, psicólogos e xurídicos e que permite ofrecer atención integral nun mesmo recurso.
Esta asistencia está destinada a mulleres maiores de 15 anos vítimas e sobrevivintes de violencia sexual, tanto se se produciu de xeito recente, como se foi no pasado. Ademais, cómpre destacar que para obter esta atención especializada non é necesario interpoñer unha denuncia.
Máis recursos públicos contra a violencia
Ademais do centro de Vigo, que é o de referencia para a provincia de Pontevedra, na provincia da Coruña contan con outros dous no Hospital Gil Casares de Santiago e no Hospital Novoa Santos de Ferrol. O da provincia de Ourense está situado no PAC da rúa do Concello, e en Lugo, no Hospital Universitario Lucus Augusti. Todos eles están situados ao carón de servizos hospitalarios de urxencia, para facilitar a rápida asistencia e evitando a revitimización.
Con este novo servizo, Galicia dótase dunha ferramenta máis para facer fronte á violencia contra as mulleres e para ofrecer ás vítimas a atención psicolóxica, xurídica e social que merecen. Unha atención que se suma á que ofrecen os máis de 80 Centros de Información á Muller (CIM) para dar servizo a 200 concellos, e diversas entidades sociais, a través de convenios co Goberno galego.