Nova
A Xunta eleva ata os 140.000 euros as achegas ao Concello de Ribadeo para mellorar o seu centro de día
O ente autonómico asinará un novo convenio de colaboración coa Administración local para completar a climatización da galería do inmoble
Estas obras súmanse as xa realizadas para renovar as carpintarías exteriores, pintar as fachadas ou mellorar a accesibilidade
Ribadeo (Lugo), 15 de maio de 2025
A Xunta continúa a mellora, da man do concello, as instalacións do centro de día A Concordia. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou a firma dun novo convenio de colaboración co ente local para novas obras de acondicionamento do centro, durante unha visita ao mesmo na que estivo acompañado do alcalde ribadense, Daniel Vega.
A través deste novo acordo, o Goberno galego financiará con preto de 60.000 euros unha nova actuación neste edificio singular de titularidade municipal, a terceira nos últimos anos. Neste caso, trátase de substituír os vidros da galería, co que se completará a mellora das condicións de climatización do centro e permitirá ás persoas usuarias desfrutala no verán dunha maneira confortable e protexidas das altas temperaturas.
Perfecto Rodríguez sinalou que esta nova intervención enmárcase na fluída colaboración que manteñen a Xunta e o Concello para poñer ao día este equipamento ao que acoden diariamente unha trintena de maiores. De feito, nos últimos tres anos, o Consorcio destinou máis de 140.000 euros a diferentes obras neste centro de día.
Así, entre as reformas xa realizadas neste centro están a urbanización exterior e a mellora da accesibilidade, a renovación das carpintarías exteriores, o pintado das fachadas ou a adquisición de novas cadeiras de descanso.