Nova

A Xunta lembra que está aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a fomentar o asociacionismo feminino

A directora xeral de Promoción da Igualdade participou nas xornadas de Afammer para poñer en valor o papel das mulleres no rural

María Quintiana destacou o papel que desenvolven este tipo de federacións e asociacións no impulso da presenza feminina no sector


Xinzo de Limia (Ourense), 15 de maio de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou hoxe na xornada organizada pola Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer) en Xinzo de Limia para poñer en valor o papel das mulleres no rural. Neste encontro, fixo fincapé  na importancia do traballo das entidades sociais na promoción da igualdade e lembrou que segue aberto o prazo para solicitar as axudas da Xunta destinadas ao asociacionismo feminino.

María Quintiana destacou que xornadas coma esta son imprescindibles para amosar figuras de mulleres referentes que están liderando explotacións e empresas no rural e que son imprescindibles no desenvolvemento do medio rural galego. Este tipo de iniciativas permiten, explicou a directora, dar esa visibilidade a moitas delas e tamén para poñer enriba da mesa como as nosas avoas, nais e veciñas -sobre todo no rural- levaron e seguen levando a carga dos coidados do fogar e do traballo no campo sen obter case recoñecemento ao longo da historia.

Neste sentido, María  Quintiana sinalou que a Xunta de Galicia está reforzando nos últimos anos as políticas de conciliación e corresponsabilidade, poñendo o foco tamén no rural. Deste xeito, impulsáronse as casas niño e do maior, co obxectivo de crear recursos específicos de atención ás nenas e nenos e tamén ás persoas maiores nas zonas máis despoboadas de comunidade. Con todo, a directora xeral recalcou que pese aos avances acadados, é necesario seguir facendo camiño para que as mulleres lideren cada vez máis empresas “desde dentro e tamén cara fóra”.

Ademais, puxo en valor o traballo das asociacións e federacións como Afammer que son fundamentais na loita pola igualdade de xénero no rural. Por iso recordou que a Xunta conta con achegas específicas para impulsar o asociacionismo feminino, tamén no rural, e que este ano contan con máis de 330.000 euros. Así, animou a todas as participantes a seguir poñendo en marcha iniciativas e proxectos que sigan facendo unha Galicia cada vez máis igualitaria.