Nova
A Xunta felicita a ACCEM polos dez anos de traballo do programa Acouga na atención ás persoas sen fogar
O director xeral de Inclusión Social fixo fincapé na colaboración entre a entidade e o Executivo galego para impulsar medidas de inclusión sociolaboral das persoas máis vulnerables
A Coruña, 15 de maio de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, felicitou a todos os membros da asociación ACCEM polo traballo desenvolto ao longo destes dez anos a través do programa Acouga, unha iniciativa que naceu para atender ás persoas sen fogar e mellorar a súa calidade de vida.
Arturo Parrado fixo fincapé na estreita colaboración entre a entidade e o Executivo galego ao longo desta década e que permitiu impulsar medidas e programas de inclusión sociolaboral para as persoas máis vulnerables. Ao respecto, o director xeral salientou que a Xunta de Galicia destina este ano máis de 158.000 euros a dous dos seus programas específicos: atención na rúa e provisión de recursos básicos, así como a liña de asesoramento de apoio á inclusión básica.
O director xeral agradeceu o labor que desenvolve esta entidade para mellorar a situación das persoas en risco de exclusión e dotalas das ferramentas necesarias para impulsar a súa integración. Neste sentido, trasladoulle o compromiso da Xunta para seguir traballando da man e facer de Galicia unha comunidade máis solidaria e inclusiva.