Nova
A Xunta aposta por reforzar a perspectiva de xénero na investigación e na ciencia a través do programa ‘Galicia investiga igualdade’
A directora xeral de Promoción da Igualdade lembra que o Executivo galego ten o prazo aberto ata o 5 de xuño deste programa que apoiará, durante catro anos, a realización de 10 teses doutorais con posibilidade de acadar o título de doutoramento internacional
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa coordinadora da área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), María José Rodríguez, para avaliar a igualdade de xénero no eido da investigación. Durante o encontro, trasladou a aposta da Xunta de Galicia por reforzar a perspectiva de xénero na investigación e na ciencia, co lanzamento do novo programa ‘Galicia investiga Igualdade’.
María Quintiana lembrou no Cesga que o Executivo galego acaba de poñer en marcha este programa, que ten o prazo aberto ata o próximo 5 de xuño, e que apoiará a dez persoas investigadoras a realizar a súa tese doutoral en materia de xénero en calquera rama do coñecemento. Este programa, sinalou, inclúe tamén unha estadía no estranxeiro de tres meses para a obtención do título de doutoramento internacional.
A directora xeral destacou que a Xunta de Galicia segue avaliando cos axentes sociais novas vías de colaboración para seguir impulsando medidas específicas na promoción da igualdade de xénero nas carreiras máis técnicas e científicas. Neste sentido, puxo en valor o traballo que desenvolven as institucións do eido da investigación, como é o caso do Cesga, para situar ás mulleres como referentes para as novas xeracións.