Nova

A Xunta trae a Ferrol unha actividade de ‘Escape Room’ interactivo para educar e sensibilizar aos máis mozos sobre os riscos que entrañan os xogos de azar

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá en rolda de prensa a iniciativa que se celebrará os días 17 e 18 de maio na praza da Constitución

Esta proposta da Dirección Xeral de Xuventude está dirixida a mozos e mozas maiores de 14 anos e ten carácter gratuíto


Ferrol, 13 de maio de 2025

A Xunta traerá esta fin de semana a Ferrol un Escape Room móbil para educar e concienciar aos mozos e mozas maiores de 14 anos sobre os riscos que entrañan os xogos de azar. A delegada territorial, Martina Aneiros, presentou esta mañá a iniciativa acompañada do concelleiro de Xuventude de Ferrol, Arán López.

A actividade, de carácter interactivo, estará localizada na praza da Constitución os días 17 e 18 de maio en horario de 11,30 a 14,30 horas e de 16,00 a 22,00 horas na xornada dos sábado; e de 11,00 a 14,45 horas e de 16,15 a 21,30 horas, o domingo.

Tal e como explicou Aneiros, a actividade busca concienciar sobre o problema do xogo compulsivo, identificar sinais de alarma e dar a coñecer os recursos dispoñibles para aqueles afectados por esta problemática a través de seis dinámicas nas que os participantes deberán resolver diferentes retos respondendo a preguntas de verdadeiro ou falso ou completando un crebacabezas, entre outras cuestións.

Cada sesión terá unha duración de 45 minutos e nela poderán participar un máximo de 5 persoas. Estarán guiadas por un educar ou traballador social.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da ligazón facilitada pola entidade que realiza a actividade -A90Grados- ou o mesmo día, no propio lugar no que se desenvolve, sempre e cando queden prazas dispoñibles.

A delegada territorial destacou a importancia de levar a cabo este tipo de propostas toda vez que “o auxe dos xogos de azar nos últimos anos supón a nova adicción entre os mozos que consumen este xogo como modo de ocio e de gañar cartos, unha situación moi preocupante que, en moitos casos, pode chegar a derivar en conductas aditivas como as ludopatías”, indicou.

Ferrol é a terceira parada desta campaña itinerante da Dirección de Xuventude  que xa estivo en Viveiro e Lugo a pasada semana e que en próximas datas se trasladará a Vigo, Ponteareas, San Cibrao das Viñas e Ourense.