Nova

Comezan as obras de ampliación da residencia de maiores de Boimorto, financiadas pola Xunta

O Goberno galego destina 500.000 euros a esta actuación, que se enmarca no Plan de investimentos para fortalecer a rede municipal de centros de atención ás persoas maiores 


Boimorto (A Coruña), 9 de maio de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe os traballos de ampliación da residencia de maiores de Boimorto, de titularidade municipal. A Xunta achega 500.000 euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR) a estas obras, que teñen un custo total de 604.000 euros e en cuxo financiamento tamén participa a Deputación Provincial da Coruña e o propio Concello. Con este investimento, o centro residencial contará con 14 novas prazas.

Fabiola García, que estivo acompañado da alcaldesa, María Jesús Novo, destacou a aposta do Goberno galego por fortalecer a rede de centros para a atención ás persoas maiores que dependen das administracións locais.  

A ampliación da residencia de Boimorto é unha das máis de vinte actuacións que sufraga o Goberno galego ao abeiro do novo Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal. Este Plan, dotado de 18,5 millóns de euros e acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), inclúe residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais 

A través deste Plan, o Executivo autonómico dá un impulso histórico aos recursos para o coidado dos maiores que teñen os concellos máis pequenos e de carácter rural. Ademais, suporá a creación de 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diurna.

Ademais, a conselleira destacou que a colaboración coas Administracións locais cobra especial relevancia en momentos complicados, como o acontecido hai uns días tras o apagamento eléctrico rexistrado no país. Con respecto a isto, sinalou que durante este momento crítico o persoal da Consellería mantivo en todo momento a coordinación con este centro para garantir o benestar dos maiores, sen que se rexistrasen incidencias.