Nova

Fabiola García garante o seu apoio a Aspamite para seguir traballando polas persoas con discapacidade

A conselleira visita os centros de día e ocupacional que a entidade social ten en Teo e nos que a Xunta financia 24 prazas con 330.000 euros ao ano


Teo (A Coruña), 9 de maio de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, visitou esta tarde os centros de día e ocupacional que a entidade social Aspamite ten no Concello e nos que a Xunta financia 24 prazas con 330.000 ao ano.

Na súa visita, a conselleira puxo en valor o traballo que realiza a diario Aspamite para mellorar a vida dos usuarios dos seus centros e tamén para apoiar ás familias das persoas con discapacidade. Deste xeito, subliñou os múltiples servicios que achega, desde atención diúrna e ocupacional, a atención terapéutica, orientación aos familiares, así como diferentes actividades de intervención comunitaria.

Fabiola García felicitou á entidade polos seus máis de 30 anos de dedicación ás persoas con discapacidade, fomentando a súa autonomía e axudando ás familias. A conselleira lembrou que, a maiores do financiamento anual das prazas, a Xunta tamén colabora con Aspamite a través das axudas do 0,7% do IRPF, a través das cales ten achegado nos últimos anos 39.000€ para acondicionar o seu recinto exterior e 12.300€ para adquirir material de rehabilitación para o centro. Así mesmo, en 2023 adquiriron unha furgoneta adaptada grazas a unha subvención de 43.000€ da Consellería.