Nova
A Xunta pon en valor a colaboración entre as administracións e as entidades para seguir reivindicando o papel das mulleres no sector empresarial
María Quintiana lembrou que Galicia é unha das comunidades con menor fenda salarial entre mulleres e homes e a que ten maior porcentaxe de mulleres traballando do conxunto da poboación activa
A directora xeral de Promoción da Igualdade fixo fincapé na necesidade de seguir impulsando medidas de conciliación familiar como a gratuidade das escolas infantís
Madrid, 8 de maio de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu esta tarde na Casa de Galicia en Madrid ao evento Conexión Madrid: impulsando o talento feminino galego e que organiza a asociación Empresarias de Galicia. No encontro, puxo en valor a importancia da colaboración entre as Administracións e as entidades como esta para seguir reivindicando o papel das mulleres no sector empresarial.
Durante a súa intervención lembrou que se ten avanzado moito en materia de igualdade laboral-sinalou, aínda que é preciso -sinalou- seguir impulsando o talento feminino. Así, destacou que Galicia é a comunidade coa menor fenda salarial de toda a serie histórica, tamén conta coa maior porcentaxe de mulleres traballando do conxunto da poboación activa. Ademais, sinalou como clave conseguir amosar referentes para que as rapazas decidan escoller carreiras técnicas e científicas e así ocupar postos de maior retribución.
Nesta liña, a directora xeral salientou que “para seguir avanzando en igualdade é importante impulsar políticas de conciliación e corresponsabilidade”. Deste xeito, recordou que Galicia foi a primeira comunidade en implantar a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos. A este feito súmase tamén a creación das casas niño, recursos gratuítos específicos para o coidado dos meniños nas zonas rurais e, en materia de corresponsabilidade, foi pioneira hai dez anos lanzando unha liña para que cada vez sexan máis os homes os que pidan a redución da xornada laboral.
María Quintiana trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para seguir avanzando na promoción da igualdade no mundo laboral e contribuíndo a que as mulleres poidan ocupar o papel que lles corresponde na sociedade. Así, destacou que a Xunta está traballando na que será a primeira Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados de Galicia e de España.
Ademais, a directora xeral agradeceu o labor que desenvolve esta asociación para avanzar na igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, ao tempo que lle desexou a mellor das sortes á nova delegada de Empresarias de Galicia en Madrid, Beatriz Louzao.