Nova

A Xunta avanza na elaboración do II Plan galego contra a trata da man das entidades sociais para seguir avanzando na protección das vítimas

Roberto Barba agradeceu o labor que desenvolve a Rede Galega contra a Trata na prevención e sensibilización contra esta manifestación da violencia de xénero


Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, mantivo un novo encontro coa Rede Galega contra a Trata para seguir avanzando na elaboración do II Plan galego contra a trata. Durante a reunión, puxo en valor  o traballo desas entidades na detección e protección das vítimas de explotación sexual.

Roberto Barba destacou o compromiso da Xunta na loita contra a violencia sexual e recalcou que este novo documento continuará reforzando as medidas de protección das vítimas e está previsto que estableza novas medidas na prevención e detección dos casos. Ademais, agradeceu o labor que desenvolve a Rede galega contra a trata que supuxo un papel fundamental na elaboración e posta en marcha do I Plan galego contra a trata.

Roberto Barba destacou que o Executivo galego mantén un firme compromiso na loita contra a violencia de xénero e con todas as súa manifestacións. Por iso fixo fincapé na estreita colaboración entre as entidades sociais e a Administración autonómica para seguir avanzando na repulsa contra a trata sexual e a prostitución.