Nova

A Xunta pon en valor o papel da educación social na defensa dos intereses da infancia e da adolescencia

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participa na apertura do I Congreso Internacional, Profesional e Interuniversitario de Educación Social


Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá no I Congreso Internacional, Profesional e Interuniversitario de Educación Social (Cipies-25). Na súa intervención,  destacou o traballo que realizan as profesionais da educación social na defensa dos intereses da infancia e a adolescencia a través dos equipos técnicos, dos recursos de acollemento ou dos distintos programas que están operativos en Galicia.

Durante dúas xornadas, a Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela acollerá este evento que, baixo o lema Acompañamento educativo e benestar, incluirá conferencias, mesas de diálogo e presentacións de expertos da comunidade educativa e profesional. O congreso, que conta coa colaboración da Xunta, está organizado polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, polas tres universidades galegas e pola UNED.

Durante a inauguración, o director xeral tamén quixo lembrar a intervención socioeducativa que se realiza no ámbito local a través dos concellos, un labor de proximidade que cualificou como “clave” e que, segundo destacou, “repercute directamente no benestar das familias”.