Nova
A Xunta enxalza o traballo do alumnado que participou na VIII edición do certame ‘Cantamos con las manos’
O Executivo galego pon en valor este tipo de iniciativas que fomentan a lingua de signos desde a infancia
Ademais, comprometéronse a seguir colaborando con Faxpg para construír unha Galicia máis accesible para as persoas xordas
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiron á entrega de premios do VIII certame escolar de cancións en lingua de signos Cantamos con las manos que organiza Faxpg.
Durante o acto, agradeceron o labor do alumnado que un ano máis realizou un traballo de gran calidade e trasladaron os seus parabéns aos centros educativos por colaborar en iniciativas que axudan a impulsar unha sociedade máis igualitaria e inclusiva. En concreto nesta edición participaron unha vintena de centros educativos, dos cales seis resultaron galardoados.
Ademais, Begoña Abeijón e Jacobo Rey puxeron en valor este tipo de actividades que contribúen a fomentar o uso da lingua de signos desde a infancia. Ademais, comprometéronse a seguir colaborando con Faxpg para seguir construíndo unha Galicia máis accesible para as persoas xordas.