Nova
Fabiola García destaca que Galicia conta cun sistema de protección de menores que aposta pola integración e a inclusión
Defende un modelo que prioriza a proximidade, a personalización e o arraigamento na contorna a través de recursos como fogares residenciais, o acollemento familiar e as unidades convivenciais
Subliña que o sistema conta cunha rede de profesionais “formados e comprometidos” aos que agradece o seu labor
Asegura que Galicia “quere seguir apostando por este modelo integrador e inclusivo” e que a chegada de menores migrantes non acompañados ten que facerse de xeito pactado e con financiamento suficiente
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá o sistema de acollida e protección de menores co que conta Galicia, que definiu como un dos máis integradores de España. Un modelo que, segundo explicou, prioriza a proximidade, a personalización e o arraigamento na contorna a través de recursos como fogares residenciais, o acollemento familiar e as unidades convivenciais.
Na súa intervención, explicou que a Xunta aposta pola prevención, a intervención temperá e o acompañamento aos menores e ás familias e que o sistema conta cunha rede de profesionais “formados e comprometidos”, aos que agradeceu o seu labor. Así mesmo, defendeu as condicións dos fogares nos que residen os menores, que “cumpren estritamente as ratios, están sometidos a inspeccións periódicas e nos que se busca o benestar dos usuarios”.
Fabiola García fixo fincapé en que o Goberno galego acometeu nos últimos anos o reforzo do sistema de protección grazas ao incremento do 45% do investimento desde 2020 e vén desenvolvendo iniciativas pioneiras como o programa de atención terapéutica, as máis de 400 prazas de atención de día integral, o programa de integración familiar, a posta en marcha de novos espazos de preservación familiar, o programa de formación especializada ‘Redes’ ou a aposta pola inserción laboral.
A conselleira destacou que a Xunta aposta polo acollemento familiar como fórmula prioritaria, un compromiso que ten situado en Galicia como a segunda comunidade con mellores datos de acollemento familiar de toda España. Neste sentido, lembrou que este mes de maio o Goberno galego comezará a aplicar o incremento das axudas que reciben as familias acolledoras.
Por último, Fabiola García subliñou que Galicia “quere seguir apostando por este sistema integrador e inclusivo” e que a chegada de menores migrantes non acompañados ten que facerse de xeito pactado e con financiamento suficiente por parte do Goberno central. Así, lembrou que Galicia “cumpre e sempre cumpriu a lei”, sendo unha das comunidades que máis menores migrantes acolleu de Canarias e Ceuta, xa que recibiu nos últimos anos ao 16% dos menores acollidos a través dos acordos voluntarios. É dicir, o triplo do que lle correspondería en función do número de habitantes.