Nova
A Xunta enxalza o labor que desenvolven os centros Quérote+ na sensibilización afectivo-sexual entre a mocidade galega
A directora xeral de Promoción da Igualdade sinalou que estes recursos asesoraron a máis de 1.200 mozas e mozos no primeiro trimestre do ano
Ademais, destacou que entre xaneiro e abril se desenvolveron 345 obradoiros presenciais
Vigo, 5 de maio de 2025
A Xunta de Galicia destaca o imprescindible labor que desenvolven os centros Quérote+ na sensibilización afectivo-sexual entre as mozas e mozos galegos. O ámbito de intervención destes recursos públicos céntrase, entre outros aspectos, na sexualidade, na promoción da diversidade sexual, no benestar emocional da mocidade e na atención ao colectivo LGBTI.
A rede pública Quérote+ está formada por cinco centros situados na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela e dispoñen dun equipo de profesionais formado por 12 persoas das áreas do traballo social, a educación social e psicoloxía. Contan tamén con persoal titulado co posgrao de sexoloxía e acreditado para impartir formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero
Nunha visita aos centros Quérote+ de Vigo e Ourense, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, lembrou que a actividade destes recursos se asenta en tres piares: a área de información, asesoramento e acompañamento; a formativa e a de participación. Así, sinalou que só no primeiro trimestre do ano este servizo atendeu a máis de 1.200 mozas e mozos a través das diferentes canles.
Ademais, a directora xeral quixo destacar o labor que desenvolven tamén a través de obradoiros presenciais e que supoñen, en moitas ocasións, o primeiro contacto da mocidade con estes recursos. Neste sentido, Quintiana destacou que entre o mes de xaneiro e abril desenvolveron 345 obradoiros formativos por toda Galicia para xuventude e familias.