Nova
A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas que teñen como obxectivo fomentar o movemento asociativo feminino
A nova convocatoria de apoios, que pode solicitarse ata o 28 de maio, ten un orzamento de 330.000 euros, un 4% máis
Prevese que 11.000 mulleres participen nos programas que desenvolvan as entidades beneficiadas
Preto de 600 entidades recibiron estas axudas nos últimos cinco anos
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2025
A Xunta de Galicia ten aberto ata o vindeiro 28 de maio o prazo para solicitar as axudas que buscan fortalecer e consolidar o movemento asociativo, e que teñen como obxectivo potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres. A esta nova orde de axudas para 2025 destínanse 330.000 euros, un 4% máis que na anterior.
Este orzamento distribúese en dúas liñas de achegas. A primeira, dotada de 180.000 euros de fondos propios, diríxese a financiar o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións. A segunda, de 150.000 euros procedentes do Pacto de Estado, é para a posta en marcha de programas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero. Neste caso, poñendo especial atención nas mulleres rurais, nas maiores e nas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
A previsión é que 11.000 mulleres galegas participen nos programas que as entidades desenvolvan a través desta convocatoria. Este apoio e colaboración permitirá que as asociacións de mulleres e as federacións poñan en marcha programas de promoción da igualdade, iniciativas de prevención da violencia de xénero e recursos para o acompañamento das vítimas.
Desde 2019, preto de 600 entidades de mulleres recibiron estas axudas da Xunta para fortalecer e consolidar o movemento asociativo, que supuxeron un investimento por parte do Goberno galego de case dous millóns de euros.