Nova

A Xunta resolve máis de 32.000 expedientes de dependencia e discapacidade nos catro primeiros meses de aplicación do plan de axilización

Este impulso ás valoracións no primeiro cuadrimestre supón un incremento do 70% con respecto ao mesmo período de 2024 e débese, en gran medida, á redución ao máximo dos trámites


Santiago de Compostela, 3 de maio de 2025

Entre os meses de xaneiro e abril, a Consellería de Política Social e Igualdade emitiu máis de 32.000 resolucións de dependencia e discapacidade. Deste xeito, nos primeiros catro meses de aplicación do Plan de Simplificación e Axilización da Dependencia e a Discapacidade resolvéronse un 70% máis de expedientes que no mesmo período de 2024.

Este impulso ás valoracións no primeiro cuadrimestre do ano débese, en gran medida, á redución ao máximo dos trámites ao introducir o novo modelo de solicitude conxunta que xa está operativo desde o mes de xaneiro. A Xunta destaca, ademais, que estes datos demostran que as valoracións avanzan a bo ritmo, superándose xa as previsións iniciais que manexaba o Goberno galego.

O obxectivo do plan de axilización, no que o Goberno galego inviste 90M€, é resolver as solicitudes nun prazo máximo de seis meses. Este plan conta con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.