Nova
A Xunta financia o 100 % das obras do novo centro de día de Vilamarín, recentemente iniciadas
Destínanse 600.000 euros á construción deste servizo de titularidade municipal, que contará con 30 prazas
Esta actuación forma parte do Plan de investimentos que está a facer o Executivo autonómico para reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores
Vilamarín (Ourense), 4 de maio de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou esta semana o forte pulo que a Xunta está a dar á rede local de atención ás persoas maiores a través do Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros que dependen dos concellos. Díxoo durante a súa visita o pasado venres ás obras do centro de día de Vilamarín, un dos novos equipamentos que se están a poñer en marcha na nosa comunidade ao abeiro deste plan.
Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde do municipio ourensán, Amador Vázquez, sinalou que o Goberno galego financia o 100 % das obras deste servizo de atención diúrna que está a executar o concello. En concreto, invístense 600.000 euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR) nun equipamento que disporá de 30 prazas e cuxa titularidade e xestión corresponderá á Administración local.
Ademais deste centro de día, a Xunta está a financiar outra vintena de actuacións con cargo a este Plan de investimentos, ao que se destinan 18,5 millóns de euros de fondos europeos. O programa de intervencións inclúe residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais, e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A través del, crearanse 650 novas prazas públicas en residencias e centros de día en concellos máis rurais e con menor poboación.