Nova

A Xunta pon en valor os 25 anos de traxectoria da asociación Amicos na plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual

A directora xeral de Persoas con Discapacidade destacou que o Executivo galego financia 102 prazas de atención da entidade na comarca da Barbanza

Begoña Abeijón tamén comprobou o estado das actuacións da ampliación da residencia ás que a Administración autonómica destina 1,2M€


Boiro (A Coruña), 30 de abril de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou as instalacións da asociación Amicos na Barbanza para coñecer as actividades que realizan cos seus usuarios. Alí, puxo en valor os 25 anos de traballo desta entidade a favor da plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual.

Begoña Abeijón sinalou que esta asociación dá servizo a máis dun cento de familias a través dos seus centros de día, ocupacionais, educativos e das súas residencias. Así, sinalou que o labor que desenvolven a través destes recursos é fundamental desde as idades temperás para contribuír a súa autonomía persoal. Nesta liña, a directora xeral lembrou que o Executivo galego financia 102 das prazas de atención da asociación Amicos na Barbanza cunha achega de máis de 2,2M€.

Ademais, Abeijón coñeceu o estado das obras que se están desenvolvendo para ampliar a área da residencia e nas que a Xunta de Galicia inviste 1,2 millóns de euros e que permitirá seguir incrementando os servizos da entidade. Neste sentido, puxo en valor os proxectos que están desenvolvendo para mellorar o benestar dos usuarios e que contan co apoio do Executivo galego a través das liñas de axuda con cargo ao 0,7% do IRPF.

Begoña Abeijón tamén tivo ocasión de felicitar persoalmente aos usuarios de Amico que recibiron recentemente varios galardóns polas súas iniciativas a prol do medioambiente e que demostra que a inclusión é imprescindible para unha Galicia máis xusta, solidaria e inclusiva. Deste xeito, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir reforzando o tecido asociativo e que se constitúe como un piar imprescindible na atención á discapacidade.