Nova
A sede da Xunta en Lugo acolle a obra teatral ‘Mozas nas redes’, que conciencia sobre o acoso en redes sociais
Alumnado do IES Sanxillao presenciou hoxe o espectáculo, protagonizado pola actriz Estíbaliz Veiga
Lugo, 25 de abril de 2025
Unhas 30 alumnas e alumnos de 1º de BAC do IES Sanxillao asistiron hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo á representación de Mozas nas Redes, unha montaxe teatral sobre o acoso e a violencia sexual a través das redes sociais. Está protagonizada pola actriz Estíbaliz Veiga baixo a dirección de Xosé Leis.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiron á actividade, que conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade. A obra, enfocada ao público mozo, percorre distintas cidades e localidades galegas.
Os responsables autonómicos apuntaron que este tipo de iniciativas contribúen a que os rapaces e rapazas “tomen conciencia dos perigos asociados ao uso das redes sociais, como o grooming ou o cyberacoso” e “lles axudan a identificar condutas e situacións conflitivas que poñen en risco a súa seguridade”.
A obra presenta unha sucesión de episodios que mostran como catro mozas adolescentes de distintas condicións sociais, situacións familiares e aptitudes académicas foron caendo nas teas de araña de acosadores na rede. Todas están interpretadas pola mesma actriz, que vai mudando de personaxe.