Nova

A Xunta traballa no novo decreto que regulará o Consello Galego das Mulleres para adaptalo á normativa vixente

O obxectivo é impulsar unha participación equilibrada que represente os diferentes ámbitos de actuacións das asociacións de mulleres

A directora xeral de Promoción da Igualdade destaca como obxectivo continuar traballando e escoitar a todas as asociacións de mulleres para acadar un texto de consenso


Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025

O Consello Galego das Mulleres, órgano de participación e asesoramento en materia de igualade e violencia de xénero, abordou hoxe na súa reunión plenaria o novo decreto no que traballa a Xunta para adaptalo á normativa vixente. A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, como presidenta deste órgano, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiron a esta sesión plenaria que contou coa participación de práctica totalidade das asociacións de mulleres, así como outras entidades e departamentos da Xunta de Galicia con representación.

María Quintiana explicou que o obxectivo desta futura normativa é impulsar unha participación equilibrada que represente os diferentes ámbitos de actuación das asociacións e organizacións de mulleres da comunidade. Trátase, engadiu, de que este Consello sexa un reflexo da diversidade e reivindicacións das mulleres galegas. Neste sentido, fixo fincapé en que o obxectivo é continuar traballando e escoitar a todas as asociacións de mulleres para acadar un decreto de consenso.

Ademais, a directora xeral destacou a importancia deste organismo como canle de participación e comunicación coa administración pública, así como para contribuír ao desenvolvemento da igualdade entre mulleres e homes e á loita contra a discriminación.

Así mesmo, no pleno do Consello informouse sobre o próximo decreto que regulará o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia, co que se pretende dar un pulo á participación das profesionais dos ámbitos pesqueiro e marisqueiro.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

Por outra banda, María Quintiana asistiu ao coloquio que esta mañá tivo lugar no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para celebrar o XIII Día Internacional das Rapazas nas TIC. Catro mulleres galegas investigadoras e profesionais no ámbito das novas tecnoloxías da información e a comunicación contaron a súa experiencia a estudantes de Primaria e Secundaria.