Nova
A Xunta defende a colaboración de todas as administracións para reforzar as accións a prol da saúde mental da mocidade máis vulnerable
O Executivo galego colabora co tecido asociativo para poñer en marcha programas que impulsan a autonomía e a inserción social dos nenos e adolescentes do sistema de protección autonómico
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou esta mañá a I Xornada internacional de reflexión: coidar a saúde mental da xuventude en risco. Durante o acto destacou que a Xunta defende a colaboración de todas as Administracións para reforzar as accións destinadas ao benestar da saúde mental dos mozos e mozas máis vulnerables.
Jacobo Rey fixo fincapé na importancia de impulsar iniciativas para reforzar a saúde mental de toda a mocidade, unha tarefa especialmente importante entre os mozos e mozas que se atopan en situación de risco e que carecen dunha rede de apoios familiar. Neste sentido, agradeceu o traballo que desenvolven as entidades sociais que acompañan diariamente aos nenos e adolescentes dos sistema de protección da infancia e que son imprescindibles para garantir o seu benestar.
Neste sentido, lembrou que tamén é importante que as Administracións conten con programas que permitan a estes mozos e mozas acadar unha autonomía e inserción social. Deste xeito, recalcou que o Executivo galego mantén unha estreita colaboración co tecido asociativo para poñer en marcha iniciativas que acompañan á mocidade do sistema de protección máis aló da maioría de idade, como é o caso do programa Mentor.