Nova
Fabiola García enxalza o labor que desempeñan o tecido asociativo e as familias na visibilización e sensibilización sobre o dano cerebral
A conselleira de Política Social e Igualdade sinalou a importancia da colaboración entre a Administración e as entidades para seguir avanzando nunha Galicia sen barreiras
Ademais, trasladou os seus parabéns a Renfe Viajeros pola súa iniciativa para visibilizar as necesidades das persoas con discapacidade e que foi galardoada co Premio Miguel Blanco
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou na clausura da III Xuntanza do Movemento Asociativo de Dano Cerebral en Galicia. Durante o acto, enxalzou o labor que desenvolve todo o tecido asociativo e as familias na visibilización e sensibilización sobre o dano cerebral e as súas secuelas, un traballo fundamental á hora de construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Fabiola García destacou que este encontro “é unha mostra máis da importancia da colaboración entre as entidades e a Administración, que permite seguir mellorando a calidade de vida das persoas con dano cerebral”. Deste xeito, recalcou que a unión de todos os axentes sociais é fundamental para seguir avanzando nunha Galicia sen barreiras e comprometida coas discapacidades.
Nesta liña, a conselleira lembrou que “o dano cerebral aparece de xeito sobrevido e sen tempo a prepararse”, polo que sinalou que o tecido asociativo representa un piar fundamental no acompañamento e asesoramento ás familias, construíndo unha rede de apoio áxil e especializada.
Esta xuntanza de entidades tamén acolleu a entrega do Premio Miguel Blanco, que recoñece as accións de axentes sociais en favor dos dereitos das persoas con dano cerebral e que nesta ocasión o recibe Renfe Viajeros. Deste xeito, Fabiola García trasladou os seus parabéns por un proxecto que avanza na inclusión das persoas con discapacidade e busca dar resposta ás súas necesidades.