Nova

Rueda destaca que a Xunta reforza o seu apoio económico ás familias acolledoras co incremento das axudas que perciben a partir do mes de maio

Esta suba suporá un investimento adicional de máis de 900.000 € e ten como obxectivo potenciar o acollemento e mellorar as condicións dos beneficiarios

Rueda resalta que a axuda para as familias que acollan menores de entre 3 e 18 anos ascenderá ata os 425€ mensuais, unha contía que desde 2022 se incrementou nun 52 %

Tamén subirá ata os 425 € as achegas para os fogares que acollan rapaces de entre 1 e 3 anos

As que acollan a menores dun ano recibirán 600 €

O presidente salienta que “Galicia é a segunda comunidade con mellores rateos de acollemento”, co 60 % dos nenos e adolescentes do sistema de protección convivindo en familias


Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Executivo autonómico vai incrementar “a partir do vindeiro 1 de maio” as axudas que “perciben mensualmente as familias acolledoras” da comunidade galega. Isto supón un investimento adicional da Xunta de máis de 900.000 €.

Rueda lembrou que “Galicia xa é a segunda comunidade con mellores rateos de acollemento familiar” xa que máis do 60% dos menores no sistema de protección viven con familias de xeito temporal, fronte ao 40% que residen en recursos residenciais. Pero instou a seguir traballando para incrementar o número de familias dispostas a acoller a estes rapaces.

Con esta suba, o presidente explicou que aquelas familias que acollan nenos de entre 3 a 18 anos “verán incrementadas as axudas en 75€ mensuais, polo que a achega será de 425€”. Con este incremento, desde 2022 estas familias viron incrementado o apoio económico da Xunta nun 52%. No caso, das familias con nenos de entre un e tres anos a suba “será de 25 € ao mes, polo que tamén percibirán 425€ ao mes”. Por último, “mantense en 600€ a achega destinada a unidades acolledoras de bebés menores de un ano”.

Esta medida enmárcase no obxectivo da Xunta de seguir potenciando o acollemento en familia para garantir que os nenos e nenas medren nun fogar. Por iso, nos últimos anos o Goberno galego impulsou medidas como a ampliación da dedución fiscal, a redución de prezos en actividades como campamentos ou a consideración dos nenos en acollida á hora de obter o título de familia numerosa.