Nova

O centro sociocomunitario de Ferrol prestou servizo o pasado ano a máis de 670 usuarios nos diferentes programas de actividades

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co novo director das instalacións para coñecer o funcionamento do centro e a oferta programática de cara a este curso


Ferrol, 14 de abril de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro sociocomunitario de Ferrol, nas inmediacións da praza de España, onde mantivo un encontro de traballo co novo director das instalacións, José Joaquín Galicia, para coñecer o funcionamento do centro no que o pasado 2024 se atendeu a 674 persoas nas diferentes actividades. 

Durante a visita, a delegada territorial tivo a ocasión de compartir tempo cos maiores e constatar o seu grao de satisfacción co programa de actividades encamiñadas a fomentar  un envellecemento activo e evitar situacións de dependencia.

O centro sociocomunitario de Ferrol é un dos 13 centros da provincia da Coruña adscritos á rede de centros sociocomunitarios da Consellería de Política Social e Igualdade xunto aos de Fene, As Pontes e o que está integrado na residencia de maiores de Caranza. O centro dispón de cafetería, sala de lectura e sala de estar e outra para o desenvolvemento de diferentes actividades como pilates, ximnasia, ioga, zumba, memoria ou móbiles que se levan a cabo periodicamente.

Ademais, en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería e a Fundación La Caixa para o desenvolvemento do programa de persoas maiores nos centros sociocomunitarios de Galicia, estanse a desenvolver diferentes propostas como viaxes, actividades de coñecementos e aprendizaxe, charlas e exposicións como un obradoiro monográfico de decoupage. 

Segundo explicou do director tamén ofrecen información e asesoramento aos usuarios sobre os diferentes proxectos xestionados pola consellería de Política Social e Igualdade como o programa Xuntos polo Nadal ou do de Benestar en Balnearios así como os ofertados a través do Imserso.