Nova
A Xunta pon en valor a apertura de Peniche Living como un novo modelo de atención residencial baseado na vivenda compartida
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria sinalou que esta iniciativa contará con 5 unidades de convivencia e máis de 40 espazos de aloxamento
Vigo, 10 de abril de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, coñeceu esta tarde o complexo residencial Peniche Living en Vigo que abrirá as súas portas proximamente. Durante a súa visita, destacou que se trata dun novo modelo de atención residencial baseado na vivenda compartida ou coliving.
O director xeral sinalou que esta iniciativa contará con 5 unidades de convivencia e algo máis de 40 aloxamentos que poden ser de modalidade compartida ou individual. O complexo funcionará como unha vivenda común, polo que haberá espazos de lecer e descanso, cociña e mesmo mobiliario adecuado para que as visitas poidan pasar a noite.
Antón Acevedo agradeceu aos promotores a posta en marcha desta iniciativa que incrementará a oferta na atención residencial na cidade de Vigo. Neste sentido, sinalou que Peniche Living é un modelo que pretende ofrecer uns coidados de calidade e proporcionar os recursos necesarios para garantir o benestar dos maiores.