Nova

Fabiola García pon en valor a importancia da atención sociosanitaria nas residencias de maiores para garantir o benestar integral dos usuarios

Agradece o labor dos directivos e do persoal dos centros residenciais de Galicia “que dan o mellor de si para ofrecer a mellor atención posible aos residentes”


A Coruña, 10 de abril de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá o “papel fundamental” que xoga a atención sociosanitaria nas residencias de maiores, axudando a garantir o benestar físico, emocional, psicolóxico e social dos usuarios. Así o asegurou na clausura da terceira reunión para directores e responsables de residencias, organizada pola Unidade de Coordinación e Apoio Asistencial a Residencias da Área Sanitaria da Coruña e o Colexio Oficial de Médicos.

Na súa intervención, a conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, agradeceu o labor dos directivos e do persoal das residencias “que dan o mellor de si para ofrecer a mellor atención posible aos residentes”.  Lembrou, ademais, que a Xunta ten implantando un modelo de coidados baseado en catro pilares: a humanización dos centros, a maior coordinación sociosanitaria, o emprego das novas tecnoloxías e a introdución de melloras estruturais.

Dentro deste modelo inclúese á retirada de suxeicións, sendo Galicia a primeira comunidade en dotarse dun plan para eliminalas. Neste sentido, lembrou que as residencias públicas autonómicas de Torrente Ballester, na Coruña, e de Campolongo, en Pontevedra, xa contan coa acreditación de centros libres de suxeicións e avanzou que a Xunta traballando para ampliar esta medida ao resto de centros.

Por último, Fabiola García asegurou que “investir en atención sociosanitaria é investir en futuro, porque tamén estamos a coidar o modelo de sociedade que queremos ser: unha sociedade xusta, empática e comprometida cos seus maiores”.

Durante toda a xornada, profesionais de residencias, do sector sanitario e de entidades sociais debateron sobre cuestións como a atención especializada a persoas con discapacidade ou con Alzheimer, sobre a relación entre as residencias de maiores e a sanidade ou a eliminación de suxeicións.