Nova

A Xunta pon en valor o papel das mulleres na transmisión da poesía popular oral galega entre o alumnado máis novo

A directora xeral de Promoción da Igualdade destacou que é fundamental que as xeracións máis novas coñezan o papel das mulleres en todos os ámbitos sociais e a súa contribución á historia galega


Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, presentou esta mañá ao alumnado do colexio público de Vite a actividade Cantareiras nas Letras que busca dar a coñecer o papel das mulleres homenaxeadas nas Letras Galegas 2025. Alí puxo en valor o papel das mulleres na transmisión da poesía popular oral galega e tamén destacou a importancia de que as nenas e nenos galegos coñezan referentes femininos claves na cultura galega, como é o caso das cantareiras.

Esta actividade, que forma parte do Plan Proxecta Aprende coas Mulleres Galegas e que conta tamén cunha unidade didáctica, percorrerá diversos centros educativos da Comunidade nos próximos meses. Nestes sentido, Quintiana salientou a importancia de amosar ao alumnado como as homenaxeadas coas Letras Galegas deste ano foron as encargadas da produción e preservación de gran parte da nosa poesía oral e tradición popular. 

A directora xeral destacou que é fundamental que as xeracións máis novas conecten co patrimonio cultural galego e tamén coñezan o valor das mulleres en todos os ámbitos sociais e a súa contribución á historia de Galicia. Por iso, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir impulsando iniciativas para que as mulleres sigan gañando espazos.