Nova

Belén do Campo felicita a Adaceco polos seus 25 anos apoiando aos pacientes con dano cerebral adquirido e creando unha sociedad máis solidaria

A delegada da Xunta participou na cadea humana organizada no Parrote para conmemorar o 25  aniversario desta entidade


A Coruña, 9 de abril de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, e a directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, participaron no acto conmemorativo do 25º aniversario de Adaceco. Na súa intervención destacou que esta entidade “ademais de ser un recurso especializado e próximo para os pacientes, é un motor de cambio cara  unha sociedade máis solidaria”. Neste senso, lembrou que “Adaceco é sobre todo un exemplo de dignidade, “porque unha vida salvada merece ser vivida dignidade”, puntualizou. Nesta liña, agradeceu o seu traballo aos profesionais, voluntarios e familias que prestan o seu servizo nesta asociación. “Xente como vós enchédesnos de orgullo”, puntualizou.

A delegada da Xunta lembrou como  puxeron en marcha a súa primeira sede na cidade, no ano 2010, cando a Xunta cedeu o seu actual local nas Xubias. O Goberno galego tamén estivo apoiando, no ano 2020, a apertura do centro de día en Culleredo, que se converteu en todo un referente na área metropolitana da Coruña. E hoxe, Belén do Campo trasladoulle a total disposición do Goberno galego a volver a acompañar a esta entidade na aventura de unificar servizos, no edificio de Eirís, cun centro que reunirá as características adecuadas para a súa función de atención integral e interdisciplinar ao dano cerebral e que xa é un espello no que se miran outras entidades en Galicia e España.

A representante do Goberno autonómico lembrou que os datos recentes en España estiman que ao redor de 435.000 persoas viven con dano cerebral adquirido, en Galicia calcúlase que hai máis de 35.000 persoas con esta doenza, máis do 1% da poboación, e só na área da Coruña desde a asociación calculan 1.000 novos casos desta doenza cada ano.

Os datos tamén reflicten un aumento da prevalencia desta enfermidade nos últimos anos, por iso, Belén de Campo resaltou que nestes momentos “cobra máis importancia se cabe, a necesidade de seguir implementando medidas de prevención e rehabilitación adecuadas e para iso contades e seguiredes contando co apoio do Goberno galego a través das Consellerías de Sanidade, Política Social e Emprego”.

“ Grazas por contar connosco, grazas por deixarnos ser parte desa gran familia de 500 socios que loitades cada día axudando ás persoas que máis o necesitan”, finalizou a delegada.