Nova

Fabiola García lembra que o sistema de acollida e protección de menores de Galicia é un dos máis integradores de España

Insiste en que a chegada de menores migrantes non acompañados ten que facerse de xeito pactado e con financiamento suficiente por parte do Goberno central


Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá o sistema de acollida e protección de menores co que conta Galicia, que é un dos máis integradores de España e no que os menores migrantes conviven co resto de nenos e adolescentes baixo protección da Xunta nos 80 centros que hai na comunidade.

En resposta a unha pregunta oral, a conselleira subliñou que Galicia “quere seguir apostando por este sistema integrador e inclusivo” e que a chegada de menores migrantes non acompañados ten que facerse de xeito pactado e con financiamento suficiente por parte do Goberno central.

Neste sentido, lembrou que Galicia “cumpre e sempre cumpriu a lei”, sendo unha das comunidades que máis menores migrantes acolleu de Canarias e Ceuta, xa que recibiu nos últimos anos ao 16% dos menores acollidos a través dos acordos voluntarios. É dicir, o triplo do que lle correspondería en función do número de habitantes.

Fabiola García incidiu na necesidade de contar cun financiamento axeitado para ofrecer aos menores atención integral as 24 horas do día ata que son maiores de idade. “O que non podemos aceptar é un reparto á carta e feito a medida para beneficiar a Cataluña e co que se corre o risco de crear guetos”, asegurou.