Nova

A Xunta financia con máis de 65.000 euros o funcionamento de Arcos Casa Niño, no concello de Cuntis

Trátase dun servizo que pretende facilitar a conciliación familiar naquelas zonas rurais onde non resultan viables os modelos tradicionais de servizos de atención á primeira infancia

O delegado lembrou o compromiso da Xunta coa educación de calidade e gratuíta de todos os nenos e mozos galegos


Cuntis (Pontevedra), 7 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Arcos Casa Niño, no concello de Cuntis.

Trátase dunha das Casas Niño financiadas pola Xunta e que supoñen un modelo de coidado dos nenos e nenas adaptado ás zonas máis rurais, onde non resultan viables os modelos tradicionais de servizos de atención á primeira infancia.

Arcos Casa Niño conta na actualidade con cinco nenos e nenas de entre un e dous anos que gozan deste servizo grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Neste sentido, o goberno autonómico destinou máis de 65.000 euros a esta casa niño dende a súa posta en marcha no ano 2021. Nestes momentos, xa hai máis de 100 recursos destas características en funcionamento na nosa comunidade.

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor o traballo das profesionais que cada día fan posible o funcionamento deste “servizo imprescindible para tantas familias”. Ademais, Reguera lembrou o compromiso da Xunta co coidado dos nenos e mozos galegos dende o seu nacemento ata que finalizan os seus estudos: “fomos a primeira comunidade autónoma en garantir unha escolarización gratuíta dende a primeira infancia ata que os mozos e mozas rematan a educación secundaria”.